Thursday 09 de May de 2024

O Pleno de Brión aproba ampliar o polideportivo municipal de Pedrouzos e facer unha pérgola para o acceso do alumnado do CEIP e IES


Solicita unha subvención de 2 millóns de euros ao IDAE para a renovación do 90% do alumeado público

Brión celebrou esta mañá unha sesión plenaria extraordinaria na que se aprobou o proxecto de ampliación do pavillón polideportivo municipal de Pedrouzos, por un importe de 485.404 euros, así como solicitar unha subvención nominativa á Deputación da Coruña de 150.000 euros. Unha proposta que foi aprobada cos votos a favor de PSOE e PP, coa abstención do BNG.

O proxecto inclúe a ampliación do polideportivo municipal cun segundo recinto axeitado tanto para a práctica deportiva como para acoller actividades culturais e educativas, así como para ser empregado polo CEIP de Pedrouzos e o IES de Brión para o desenvolvemento de actividades. O proxecto inclúe tamén a construción dunha pérgola de acceso á nova ampliación, que protexerá tamén da choiva ao alumnado de ambos centros escolares tanto cando teñen que agardar polos autobuses de volta a casa como nas chegadas aos colexios durante a mañá.

O BNG xustificou a súa abstención no feito de non ter sido consultado sobre o proxecto, asegurando que debería ser máis amplo. O alcalde, Pablo Lago Sanmartín, explicou que “o proxecto está adaptado ás medidas máximas da parcela da que dispoñemos, non dá para máis e non imos levalo a outra finca porque queremos que teña un carácter complementario para as familias de Brión”.

Alumeado e obras

Onde si houbo unanimidade foi na aprobación dunha solicitude ao IDAE para a renovación do alumeado público de 2.067.183 euros, o que permitirá renovar un 90% das luminarias por tecnoloxía LED, renovación dos centros de mando, instalación dun programa de telexestión… Se no anterior caso a petición de subvención acadaba o 30,9% do proxecto, neste caso chega ao 100% do proxecto.

Tamén se aprobaron por unanimidade a modificación do proxecto Camiño De Amañecida a Graña, así como un suplemento de crédito de 166.000 euros para facer fronte a estes traballos. Finalmente, o Pleno dou conta do período medio de pago do terceiro trimestre, de 14,02 días, e do cumprimento da estabilidade orzamentaria.